lunes, 2 de febrero de 2015

8ª sesión con Luz

Nesta octava e última sesión coa nosa querida Luz (ímoste botar moito de menos!), comezamos cun warm up.
Consistiu no seguinte: nun papel tivemos que escribir unha pregunta que lle teríamos que facer á toda a clase.
A miña foi “Que vas facer no verán?”
A idea é que o alumnado lle faga a pregunta ao maior número de compañeiros posibles.
Despois, Luz entregounos unha tarxeta a cada un co nome dalguén de clase, do que tiñamos que investigar en base a actividade previa.
É dicir, todos os compañeiros temos algún tipo de información desa persoa, polo exercicio que fixemos previamente.
Esta actividade podería aproveitarse para facer unha redacción ou unha presentación oral.
Despois de facer a nosa derradeira actividade de warm up con Luz, estivemos vendo varios modelos de exame.
Básicamente eran tipos de exercicio moi traballados na clase (use of English, reading comprehension, pequenos writing).
Ensinounos unha páxina web moi interesante para o grupo de inglés. Macmillan Secondary Student’s Website.

Na segunda parte da sesión debatimos varios temas de moito interese para a nosa futura labor como docentes.
Libros de texto/dixital
No meu grupo (Coromoto, Javier, eu) tivemos unha opinión moi parecida. 
Idealmente, gustaríanos poder traballar con materiais novos creados por nós, deixando de lado o libro de texto. Pero se pensamos na cantidade de clases que temos, crear contidos continuamente (aínda que se reciclen) pode convertirse no noso peor pesadelo!
 Pensamos que desde o punto de vista do alumno, ter un libro de texto é moi recomendable porque lles serve de guía, teñen un manual ao que acudir.Como futuros docentes estamos a favor tamén, sobre todo para os primeiros anos, nos que tamén precisaremos dun manual que seguir.
Porén, o libro de texto non debe ser a única fonte de contidos e coñecemento do alumnado, senón que debe complementarse con outros materiais. Ademais, hoxe en día os libros de texto veñen acompañados dunha gran cantidade de recursos para o docente.

Tecnoloxía
Este foi quizais o tema que xerou máis debate. No meu grupo tivemos opinións dispares. Os tres estabamos dacordo en que o uso das TIC por parte do profesor era dunha grande axuda, xa que permite crear materiais novos,sesións máis innovadoras e son de axuda á hora de avaliar. Porén, discrepamos no relativo ao seu uso por parte do alumno. Para Coromoto, o uso de aparellos electrónicos (móbil, tablet ou calquer outro dipositivo) debería estar prohibido. Pola contra, Javier mais eu estamos dacordo co uso de libro dixital e tablet, por varias razóns: maior comodidade, mesma eficiencia e menor peso para os rapaces.
Coincidimos en que o emprego das TIC debe facerse dunha forma responsable e organizada. Con respecto ao uso do móbil, pensamos en que debe estar completamente prohibido, por unha sinxela razón: para evitar posibles problemas de bullying.





Lingua A vs. Lingua B

Este foi o tema que menos debatimos porque tanto no meu grupo coma a nivel de clase todos opinamos o mesmo. Cremos que na clase de lingua estranxeira a lingua vehicular debe ser a lingua B  (inglés ou francés), xa que un dos nosos obxectivos como docentes é que o alumnado estea o maior tempo posible exposto a esa lingua. Evidentemente, o nivel de lingua que empreguemos variará en función do nivel, pero coincidimos en que este sistema favorecerá a súa aprendizaxe. Soamente contemplamos o uso da lingua A (galego ou castelán) en niveis iniciais, pero de xeito moi puntual.



O debate pareceume moi interesante e fructífero, aínda que se me fixo curto. Serviunos para facernos unha idea sobre como pensamos no relativo a estes temas e sobre como seremos como docentes. Ademais, proximamente imos comezar as prácticas do Mestrado polo que xa temos unhas nocións básicas de actuación. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario