jueves, 29 de enero de 2015

O cine na clase de FLE II

A través do cine podemos traballar as competencias na lingua estranxeira dunha forma moi enriquecedora. Na anterior entrada falei de películas que podían fomentar a competencia cultural e artística, e nesta voume centrar en películas que sirvan para mellorar a competencia social e cidadá. 
Evidentemente, o visionado destas películas debe ter un motivo e empregarse como apoio ou complemento á unha unidade didáctica, tamén poden reciclarse para traballar en titorías.


  • Entre les murs (La clase), 2008
Film dirixido por Laurent Cantent e baseado na novela autobiográfica de François de Bégaudeau. A película retrata a vida dun profesor de francés de secundaria (o actor é interpretado polo protagonista e autor da novela) que exerce de tutor dun grupo moi heteroxéneo e multicultural.
Entre os diversos premios que recibiu están a Palma de Ouro no Festival de Cannes en 2008 e un César ao mellor guión adaptado en 2009.


  • Monsieur Lazhar, 2011
Esta película canadiense, escrita e dirixida por Philippe Falardeau, estivo nominada aos premios Óscar en 2011 a mellor película de fala non inglesa.
Monsieur Lazhar é contratado nun centro de primaria de Montreal para facer unha sustitución. Alí terá que facer fronte a unha situación moi delicada, que ten conmocionado a todo o centro. Se ben é certo que é un profesor cun estilo tradicional, saberá lidiar coas situacións que se lle presentan e axudar aos seus novos alumnos a superar o acontecido, creando un vínculo moi forte con eles.

  • La Haine (El odio), 1995

Esta película francesa, dirixida por Mathieu Kassovitz, relata a vida de tres rapaces (un xudío, un negro e un árabe) que viven nos suburbios de París. A película comeza cunha forte pelexa entre as forzas do orde e a xuventude cabreada dunha cidade francesa, despois de que un rapaz recibise unha paliza nunha comisaría de policía que o deixou en coma. A película retrata as 24 horas seguintes aos disturbios, na que os protagonistas vagan pola cidade en busca de vinganza e os conflitos entre bandas e coa policía están á orde do día.

En 1995, recibiu o premio César á mellor película e montaxe e no Festival de Cannes obtivo o premio á mellor dirección.

  • Les Choristes (Los chicos del coro), 2004

Esta película, dirixida por Christophe Barratier, relata a vida dun internado na campiña francesa no ano 1948. A chegada de Clément Mathieu, profesor de música desempregado que acepta un posto de profesor vixilante, vai cambiar as vidas dos rapaces que alí viven. O réxime de "action- réaction"  imposto polo director, verase truncado cos novos métodos de Clément Mathieu, cando lle propón crear unha coral. 
Estivo nominada a diversos premios (Óscar, Goya, César) e recibiu dous premios César á mellor música e son en 2004.



  • Persépolis, 2007

Esta película de animación en branco e negro, relata a vida dunha nena iraní desde a revolución islámica ata a actualidade. Mentres que no seu país as mulleres son obrigadas a levar velo e comeza a guerra entre Irán e Iraq, os seus pais deciden enviala a estudiar a Europa. Alí descobre un mundo completamente novo, ao que se adapta moi ben, pero sente moita morriña. Despois duns anos decide volver ao seu país, aínda que iso supoña volver levar velo e someterse a un réxime tiránico.
Estivo nominada a diversas categorías en varios festivais de cine (Óscar, Globos de Ouro, Bafta) e conseguiu dous premios: dous premios César (Mellor ópera prima e mellor guión adaptado) e o premio do xurado no Festival de Cannes en 2007.


  • Intouchables (Intocables), 2011

Nesta traxicomedia, Philippe (interpretado por François Cluzet), un aristócrata millonario tetrapléxico como consecuencia dun accidente de parapente, contrata como coidador a Driss, un inmigrante dun barrio marxinal que acaba de saír da cárcere. A diferenza doutras películas como Mar adentro, que tamén relata a vida dun tetrapléxico, esta ten un carácter moi cómico. Philippe, cansado de que a xente sinta lástima por el, ve en Driss ao candidato perfecto porque este non o ve coma un discapacitado: lévao de festa, dálle de fumar marihuana, etc.


  • 3X Manon, 2013

Esta miniserie, que soamente consta de 3 capítulos, relata a vida dunha adolescente con serios problemas de conduta, que é enviada a un centro de menores despois de anavallar á súa nai.



Espero que vos gustase! Agardo os vosos comentarios!






No hay comentarios:

Publicar un comentario